Crónica do pleno municipal do 30 de setembro de 2021

O pasado xoves, 30 de setembro, celebrouse a sesión ordinaria do pleno da Corporación Municipal de Cuntis correspondente a ese mes. Como é habitual, a orde do día carecía de iniciativas do Goberno Local e unicamente foron debatidas as presentadas polos grupos da oposición. Tan só compre sinalar, a maiores do habitual, a fixación dos festivos locais para o ano 2022, que cada ano se deciden no pleno do mes de setembro. Para o vindeiro ano foron elixidos os días 11 de xullo e de 17 de agosto, e unha vez máis Veciñanza abstívose neste punto mantendo que a escolla destes días pode realizarse de maneira máis participativa entre os veciños e veciñas de Cuntis.

A seguir o noso voceiro municipal expuxo a moción de Veciñanza para instar á Xunta de Galicia a reformar e humanizar a rúa do Convento. Santi Martínez comentou na súa intervención o seguinte: “Coido que a reforma da Rúa do Convento, estrada PO-220, é unha necesidade na que todos e todas coincidimos. Non é necesario reiterar a importancia do vial tanto no acceso ao casco urbano como no transitada que é, nin tampouco se pode discutir moito sobre o seu estado. Esta reforma anunciárase, como tantas outras cousas, no ano 2017, e como tantas outras cousas, o anuncio quedou en nada. Non teño ningunha dúbida de que se esta situación se producise nun concello gobernado polo Partido Popular a solución sería ben distinta. Son datos obxectivos e facilmente contrastables que os investimentos, especialmente en infraestruturas, da Xunta de Galicia favorecen descaradamente a municipios gobernados polo PP. É por iso que me gustaría facer unha observación especial neste sentido dirixida ao grupo municipal do PP e instalo a que faga un esforzo por facerlle entender á conselleira a importancia desta obra, que interceda politicamente, unha conselleira que visitou Cuntis en campaña electoral e xa daquela creo que transitara pola zona”. Malia intercambiaren acusacións de responsabilidade sobre a titularidade tanto do vial como dos elementos que compoñen os servizos municipais que por el discorren, Partido Popular e Partido Socialista votaron a favor, co que a iniciativa foi aprobada por unanimidade.

O seguinte punto na orde do día era o debate da moción que o Partido Popular remite a todos os concellos do Estado sobre o prezo do recibo da luz. Veciñanza abstívose xa que obviamente somos favorables a unha intervención no mercado eléctrico para reducir o que pagamos na factura da enerxía eléctrica, pero dende logo non é esta moción a que contén propostas serias para facelo, tal e como expuxo o noso voceiro Santi Martínez na súa intervención, na que desmonta un a un os puntos que compoñían a iniciativa.

A terceira moción do día era de novo a presentada por Veciñanza, en apoio ás demandas da ANPA O Baño ante os recortes da Consellaría de Educación no CPI Don Aurelio de Cuntis, nomeadamente ante a supresión dun docente de apoio. A iniciativa, presentada co consentimento da Asociación de Nais e Pais de Alumnos, buscaba o apoio unánime dos tres grupos da Corporación, algo que finalmente foi posible para trasladar así á Xunta de Galicia. Santi Martínez expuxo deste xeito o texto: “En días pasados a ANPA O Baño anunciaba a supresión dunha praza de docente de apoio no CPI Don Aurelio, que naquel momento non fora aínda confirmada pola Consellaría de Educación. Neste caso concreto entendemos que se trata dunha medida especialmente cruel pois aféctalle a aqueles nenos e nenas que máis o precisan. A Asociación de Nais e Pais de Alumnos/as iniciou unha campaña de recollida de sinaturas e mantivo unha reunión co grupo de goberno. O noso grupo contactou coa directiva e púxose á súa disposición. Co seu consentimento, presentamos esta moción para articular o apoio unánime desta Corporación e trasladarlle á Xunta de Galicia o rexeitamento a máis recortes en Cuntis. Neste sentido nós estamos a disposición de calquera (da ANPA, do Grupo de Goberno, etc.) para defender os servizos públicos e contra os recortes sistemáticos do Goberno Galego, como xa o temos demostrado no seu momento. Neste caso esta moción é tan só unha declaración pública pero creo que como Corporación Municipal non debemos quedar calados e pasar por alto máis recortes nos servizos públicos. Esta mesma semana tiñamos coñecemento de mobilizacións en varios colexios de distintos puntos do País, por exemplo en Oleiros e comarca da Coruña, precisamente en protesta pola redución de mestres/as de apoio e de atención á diversidade. A semana pasada coñeciamos tamén que tanto a ANPA O Baño como o propio colexio sumábanse á iniciativa ‘Coles Negros’, que agrupa a unha parte cada vez maior da comunidade educativa en defensa dun ensino público digno, de calidade e en galego”.

O resto dos asuntos foron varias preguntas e rogos de Veciñanza e unha do Partido Popular. As presentadas polo noso grupo facían referencia aos seguintes asuntos:

  • O vial que conecta os lugares de Magán e Gontade presenta, na entrada desta última aldea, unha situación que dificulta a circulación e a presenza dos e das usuarias xusto na parada do transporte escolar. A presenza de barro e lama agrávase coa choivas. Ante as demandas veciñais, trasladamos a este pleno a necesidade de intervir na zona para paliar os efectos que provoca a baixada de terra dende a pista forestal e que remata por inhabilitar o propio vial.

                Ao día seguinte de rexistrar esta cuestión os servizos municipais procederon á limpeza, cando menos momentánea, da zona en cuestión.

  • Temos constancia de varias incidencias nas últimas semanas/meses no servizo de Policía Local do Concello. Cal é a súa situación neste momento?

                O Alcalde explicou que un dos dous traballadores atópase servindo noutro concello debido a un concurso ao que decidiu optar e o outro mantense de baixa médica. A respecto da convocatoria da terceira praza, prevista nos propios Orzamentos Municipais, o Alcalde soprendeunos recoñecendo que a pesar de estar prevista non ten a certeza de poder convocala debido á afectación da taxa de reposición, o que vén a ratificar outra vez o absoluto descoñecemento do propio Grupo de Goberno a respecto dos orzamentos que eles/elas mesmos/as aprobaron.

  • En que consiste exactamente o convenio asinado para o mantemento da Reitoral de Estacas e cando ten pensado o Goberno Municipal. comezar a executalo? Canto destinará o Concello? Existe algún plan concreto para programar actividades?

                O Alcalde aclarou que o convenio se pode consultar na páxina web e recoñeceu que, malia telo anunciado, aínda non se efectuaron os traballos de conservación e mantemento do inmoble, nin moito menos programación cultural ningunha.

  • Avanzouse algo para construción dunha área de autocaravanas segundo a aprobación da nosa moción do pleno anterior?

                Como ben sabiamos, o Alcalde recoñeceu que non.

  • En que estado se encontra a obra de rehabilitación da que será a nova sede da fundación Terra Termarum e cales son as previsións?

                O alcalde explicou que se atopa pendente de licitación, malia ter anunciado xa no mes de maio que as obras comezarían no verán e reafirmándose en que “poden anunciar obras”. Aínda que sexa varias veces antes mesmo de poder inicialas.

Share

Tamén pode gustarche...